Tuesday 07 de May de 2024

O Concello de Ordes participa no programa educativo contra o abandono e o maltrato animal ‘Un can, un amigo’


Desenvolverase entre o alumnado de primaria dos colexios da comarca

O Concello de Ordes colaborará conxuntamente coa Asociación Amigos da Canceira de Ordes Segunda Oportunidade e coa Casa Grande de Xanceda no programa educativo ‘Un can, un amigo’. Este innovador plan levarase a cabo nos colexios da comarca e terá como principal obxectivo o fomento de valores solidarios e de responsabilidade para evitar o abandono e o maltrato animal.
Concretamente desenvolverase entre os alumnos e alumnas de primeiro a sexto de educación primaria ao longo deste último trimestre do curso académico. Nas charlas e encontros farase uso de material didáctico e informativo creado especificamente e que se difundirá a través de distintos soportes tanto físicos como dixitais. Entre outros conceptos fomentaranse valores cívicos como a creación dun sistema moral adecuado, a priorización do que é realmente importante, a valoración do crecemento e desenvolvemento persoal, o respecto e a solidariedade ou o recoñecemento e rexeitamento ante situacións de maltrato.
Outros aspectos en base aos cales se traballará serán: As causas do abandono de animais, as funcións das canceiras, a adopción como vía máis responsable á hora de conseguir unha mascota, o benestar animal, o labor do voluntariado, a realidade do abandono animal ou os coidados que precisan as mascotas e a responsabilidade que hai que ter en conta antes de adoptar unha mascota. Neste apartado cobra especial relevancia tamén a responsabilidade social que implica ter unha mascota, con obrigas tan importantes como a identificación mediante chip, a limpeza das rúas e espazos públicos ou a identificación de animais abandonados ou de casos de maltrato.
Ademais do Concello de Ordes nesta iniciativa tamén participan os restantes concellos da comarca (Frades, Oroso, Mesía, Tordoia, Cerceda e Trazo).